Archivo de categoría CONTRAMÍNATE

contraminate Porcontraminate

Contramínate entrevístase ca Consellería de Medio Ambiente,Territorio e Infraestructuras

Para coñecer as afeccións que suporá a nova estrada para o xacemento arqueolóxico de Castrelo.

PLANO ESTRADA CASTRELO 017O pasado venres 16 de xaneiro Contramínate xunto con outros colectivos da zona, asistiu a unha reunión coa Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas para coñecer de primeira man o proxecto de Acondicionamento da Estrada AC-433 Ponte do Porto – Laxe. As motivacións desta consulta consistían en coñecer, debido a que non se fixo pública ningunha información, as afeccións que suporá a nova estrada para o xacemento arqueolóxico de Castrelo e as necesidades que se aducen por parte da Xunta para xustificar esta nova infraestrutura. CASTRO CASTRELO 021Dende a Consellería non se nos permitiu o acceso ao proxecto en formato dixital, nin a oportunidade de fotografar nada do voluminoso manuscrito presentado ante nós. Fronte a imposibilidade de manexar en tan corto espazo de tempo a magnitude da información contida no proxecto, só se nos autorizou a facer un par de copias da morea de follas das que constaba o mesmo. Escollemos o apartado que nos pareceu máis polémico, o referido as características do paso da estrada sobre o xacemento de Castrelo, que a modo de escarnio se nos entregou incompleto, unha mostra máis da magnanimidade e transparencia da Xunta de Galicia e a súa ponderable actitude cara a sociedade. Ca información truncada da que dispoñemos chéganos para constatar de que se trata dun auténtico despropósito, co que pretenden, en palabras da Consellería, “facilitar a exposición pública dos restos arqueolóxicos escavados”. En realidade trátase de encaixar parte do camiño empedrado de acceso ao castro baixo unha ponte, que máis ben semella un túnel de formigón, con 10m de luz e unha altura irregular en torno aos 2m, que soamente poderá ser visitado se hai algún afeccionado a espeleoloxía. Tamén contemplan a construción dun terraplén cara o Norte da ponte, que afectará a unha zona “especialmente sensible dende o punto de vista arqueolóxico superpoñéndose a un tramo importante do camiño monumental”, e para rematar esta exemplar posta en valor do patrimonio levantarán unha pasarela de madeira na cara leste da estrada sobre a área escavada, para así poder visualizar a entrada ao castro. Como se pode intuír na fotografía aérea, reúnense tódolos ingredientes para pasar a engrosar os anais do disparate e a descontextualización patrimonial.PLANO ESTRADA CASTRELO 015 Dende Contramínate reiteramos a nosa repulsa a este tipo de infraestruturas, que só responden a intereses particulares de enriquecemento a costa da destrución do noso territorio, con custos económicos (máis de 3,5 millóns de euros), ambientais, paisaxísticos e neste caso culturais inaceptables, e avogamos pola paralización inmediata das obras e a restauración das desfeitas cometidas.

contraminate Porcontraminate

Bye, bye… Edgewater !!!

A RAÑALA 028No comezo deste ano 2015  compre celebrar  o triunfo de todos os que traballamos para que o proxecto de mina de Corcoesto fose  só unha mala idea  de Edgewater, dos seus inversores internacionais e dos seus acólitos no noso país.  O tempo dounos a razón ós que pensabamos que Corcoesto non tiña prezo, que non podía ser vendido, por un puñado de postos de traballo, ás ansias especulativas duns poucos poderosos.

Unidos  fixemos que a defensa do sentido común  trouxera o  triunfo.  Críamos  na utopía como “o que tarda un pouquiño en chegar”. Amparamos  e mudamos, en certa medida, a nosa vision do mundo no que respecta á protección da terra, a gran nai e o leito no que   habitamos . Por iso aquí continuamos a  artellar alianzas entre os pobos que sofren ameazas semellantes á nosa .  Mobilizados e buscando os apoios necesarios para que as xestións no Parlamento Europeo sexan unha realidade. Tentamos acadar unha resolución sobre a prohibición total e definitiva do uso de cianuro na minería,  así como a protección do medio ambiente, e dos espazos habitados, das tecnoloxías agresivas. Mentres  a vixía  pola defensa do territorio non se desvanece,  gozamos de novas amizades, complicidades  e de tanta emoción e  cousa bonita vivida nestes anos de loita común.  A RAÑALA 020DESEXÁMOSVOS UN FELIZ 2015  !!!!!!!

CONTRAMÍNATE CONMIGO !!!!!!!!!!

contraminate Porcontraminate

O mundo enteiro é un bosque

Sobre a pintura de Caridad Camarero

IMG_48801662559523

Para internarse aquí nos bosques de Caridad Camarero e poñer a súa pintura en palabras, hai que deixarse guiar pola súa pincelada feita de pétalos, follas e teselas. Mediante trazos enérxicos e luminosos, Cari Camarero traduce o mundo, co seu equilibrio roto e fragmentado, nunha explosión de formas e cores. Así xorden estas pinturas mosaico, ou estes mosaicos pintura.

Castiñeiros, carballos, piñeiros, fieitos, flores, herba de namorar, protagonizan estes cadros de folla perenne, situados á beira do mar– a paisaxe recoñecible (pese á estilización) da Costa da Morte non rende contas nin ao figurativismo nin á abstracción: son bosques fantásticos.

Nestas fragas misteriosas podemos entrar libres de inquietude, esquecer calquera ameaza, porque son bosques sen emboscada. Aquí e aló atopamos eses carteis amarelos que din Mina Non. Porque estamos ante bosques combatentes. E humanizados. Cari di que as súas árbores teñen formas femininas, os seus troncos e pólas evocan efectivamente as cadeiras, os brazos e as formas delicadas do corpo da muller. Ou das mulleres en plural: mulleres reais e diversas, que van desde as tallas S á XL. Supoñemos que a propia Cari é unha máis desas árbores, que existe unha identificación entre elas.

A follaxe verde, vermella, amarela, laranxa, segundo a estación, flota como globos, circulares e brillantes, por riba de troncos e pólas. Agochados neses troncos veredes faunos e naiades, fadas e trasnos, Dafnes, Ceres, Perséfones. As pólas, que se estenden máis aló do lenzo, como brazos abertos, parece que andan buscándonos. Son bosques animados, desbordantes de ledicia, utopías dun mundo mellor, construído a escala humana e soñado por esta artista libérrima, comprometida e contraminante.

IMG_48959726158155 RSCN7376 IMG_48987670616163 IMG_48815703849806

contraminate Porcontraminate

Catro motetes para un tempo de resistencia

Contramínate celebra o Día das Letras Galegas lembrando que o noso labor informativo ten sido ante todo unha loita de palabras, verbas ás que foi preciso armar e adaptar para seren capaces de combatir aos xigantes de papel, neste caso a mentira e a ocultación dos medios oficiales, coa súa información aséptica e propagandística. Desta maneira naceu un novo verbo, «contraminarse», que é o lema e o resumo da nosa loita: unha das nosas primeiras accións coa Plataforma pola Defensa de Corcoesto tivo lugar en febreiro do 2013 durante o acto de homenaxe a Eduardo Pondal nos xardíns de Méndez Núñez na Coruña, onde estivemos presentes portando os seus versos xunto cunha rosa no peito en memoria e reivindicación da Rosa de Corcoesto. O poeta do Anllóns sempre foi e será o noso gran aliado.

Velaquí o primeiro dos nosos motetes:

Meniña, rapaza nova,
ouh, rosa de Corcoesto,
que brandeas con gracia
ós doces sopros do vento:
se é certo que por ti vivo,
se é certo que por ti peno,
se tan doce e dadivosa,
como din que es, é certo;
cúrame, oh rapariga,
estas suidades que teño:
estas suidades da alma,
de non sei qué, que padezo;
ti tes dos meus males a doce menciña,
¡ouh, rosa de Corcoesto!

                                                                                                                       Queixumes dos pinos (1886)

 


A POESÍA, UN ARMA CRUZADA CONTRA O CIANURO

versus cianuro

Versus Cianuro, unha antoloxía de textos contra o proxecto mineiro de Corcoesto.

 Se é que o ar xa está impuro,

traerame alentos novos?

Se ao calor desta lareira,

avarenta e cega,

o medo silandeiro tece panos ante os ollos,

escorregarán as bágoas,

xa ben entrados no frío,

paseniño e sen acougo.

U-la vida?

Se ao volver a vista atrás só vexo coa memoria,

que me leve o ar entón,

que me queiman as respostas.

Mónica Pérez, Versus Cianuro.

 Distopía

Cando lle extirparon o rostro

cravou centos de espellos

buscando, ás apalpadas,

un sinal de identidade.

Agora

xa non deixan respirar

sen máscara.

Así que esnifa, co bafo postizo,

pingueiras de fume;

rodas de ruído

que moen

po caducado.

Dese xeito esquecen

como lle amasaron o cerebro

peneirándolle ideais.

Xusto antes

de afogar o seu nome

en cianuro

ata volverse ninguén,

natural de ningures,

monicreque orfo.

Sen presente

nin escapatoria.

Rosalía Fernández Rial, Versus Cianuro.

Imagen de previsualización de YouTube

Texto de Guillerme Ignacio sobre unha melodía recollida no lugar de Tufións, Sereixo (Vimianso, AC).

Por que non hei de berrar?
Un berro por Corcoesto

Por que non hei de berrar?
Se a terra era de meus pais
E meus fillos a han de herdar

Porque en Corcoesto
Non se pode entrar
Con esa ghran mina
Que queren armar
Que queren armar
Que lle hai que facer?
Protesta, protesta
E protesta outra vez

I-o que queira traballar
Que busque traballo honrado
Que deixe esta terra en paz.

Porque en Corcoesto
Non se pode entrar

Moitos cartos ha de dar
Pr’aqueles catro empresarios
Ricachos de Canadá

Porque en Corcoesto
Non se pode entrar

E-aquí que nos han deixar?
vertedoiros e cianuro
Para nos envelenar.

Porque en Corcoesto
Non se pode entrar


TEMPO DE MANIFESTOS

Ao primeiro gran manifesto de Xurxo Borrazás contra a mina de Corcoesto, lido durante as manifestacións en Cabana de Bergantiños pola veciñanza e en Carballo por Rosalía Fernández Rial e Manuel Rivas, veu sumarse o manifesto do conxunto de colectivos afectados polos planes mineiros da Xunta de Galicia, englobados baixo a plataforma ContraMINAcción.

Despedímonos co texto que sirviu de base e fío a tódolos manifestos locais que se leron durante a gran manifestación solidaria contra a megaminaría en Galicia que tivo lugar o domingo, 2 de xuño de 2013, pronunciado na Praza da Quintana por Sés e Leo Arremecághona:

«Velaquí o comunicado de ContraMINAcción, a rede de colectivos contra a minaría destrutiva na Galiza, en forma de chamada dirixida á cidadanía galega presente hoxe nesta Quintana, así como a aqueles que non puideron vir e que talvez nos escoiten desde outros lugares.

Galiza está baixo ameaza dun dobre axente perigoso: a megaminaría, o negocio especulativo das multinacionais, e dos gobernos colaboracionistas que, en vez de defender, consenten á destrucción do noso territorio.

O desenvolvemento industrial e económico previsto pola Xunta nos depara un futuro escuro como boca de mina.

Un destino decimonónico e colonial pretende furar e abrir as vetas das montañas galegas co obxectivo de pulverizar as súas entrañas, para mellor as depredar. Farano a ceo aberto e, se non nos opoñemos, co beneplácito da nosa Administración, sufragados cos nosos impostos. Neste ataque sen precedentes ao noso futuro desaparecerán do mapa montes, terras de cultivo, aldeas e poboacións, e no seu lugar ficarán montañas de entullos e lagoas envelenadas. Non deixarán rocha sobre rocha.

Nós nunca seremos cómplices!
Nós nunca o permitiremos!

Por iso decidimos esconxurarnos contra o destino e hoxe vimos traer esta declaración de principios:

Corcoesto non é unha mina!

A rosa de Corcoesto non se vende!

Castrelo de Miño non é unha mina!

Nin as comarcas de Ordes-Compostela, nin A Groba, nin a Raxada, nin o Tetón, nin a Serra do Argalo.

A Limia non é unha mina!

A Terra Cha non saiu á venda!

A Serra do Galiñeiro, Valeira, Burón, Becerreá e Barallá non son unha mina!

Santa Comba, Zas e Mazaricos non son unha megamina!

O Occidente asturiano non se mina!

Triacastela non é unha mina!

A terra é nosa!

As riquezas que nos queren roubar non cotizarán na bolsa de Toronto, nin servirán aos intereses e fins especulativos das empresas multinacionais.

A todas elas diremos: Galiza non é unha mina, así que fóra de aquí! E por se non nos entenden probaremos con frack off e go home!

Galiza non é unha mina, volvemos dicir hoxe en Compostela ao goberno da Xunta.

A mina ou nós!

Porque non permitiremos que dinamiten o noso territorio.
Non nos deixaremos explotar,
nin que minen a nosa saúde,
nin consentiremos
que os traballos que nos dan de comer
voen polo aire,
nin toleraremos que enterren o futuro das xeracións vindeiras,
nin que desapareza o legado dos nosos ancestros:
o noso patrimonio, que é a nosa memoria.

Galiza non é unha mina!
Que non nos toquen o mercurio,
Nin nos remexan o wolframio,
Nin nos esquilmen o estaño,
Que non acaben co granito,
Nin nos desarmen o xisto.
Que o arsénico, o chumbo e o ouro
descansen en paz,
alá onde están, onde deben estar,
na rocha e baixo terra.

A natureza e a auga son as nosas primeiras fontes de riqueza e sustento. Sen elas non somos nada. Elas serán as primeiras víctimas colaterais desta invasión mineira. En dez, en quince anos, trala contenda, Galicia será só un campo minado, unha sombra do que foi, unha triste paisaxe devastada.

A natureza e a auga son hoxe a nosa máis grande canteira, o noso máis prezado tesouro, un tesouro colectivo, de todos nós, que vimos aproveitando desde tempos inmemoriais e que agora pretenden destruír para sempre.

Xentes de ouro de lei
aquí reunidas,
dignidades aquilatadas,
que nos estades escoitando,
habitantes das terras raras,
herdanza de Breogán:
defendede a terra! Defendede a vida!

Galiza non é unha mina!»

contraminate Porcontraminate

A foto do ano de Contramínate

FOTO ASOC. AMB. CONTRAMÍNATE

Onte, sábado, 10 de maio, o tempo permitiunos por fin celebrar cunha comida o noso ano de activismo por Corcoesto.

Escollimos un lugar singular: as brañas de Soesto, un espazo salvaxe dos máis fermosos do noso concello. Démonos cita alí un grupo de veciños e amigos irmanados desde hai xa máis dun ano pola defensa da nosa terra e do noso modo de vida. Son todos os que están aínda que non están todos os que son.

Esta nota quere server de pé de foto e de testemuña da celebración da solidariedade e do poder das persoas. Como dicíamos no artigo «Edgewater, fai as maletas e vaite á casa», a defensa de Corcoesto uniu á veciños e non tan veciños, aos que hai tan só un ano nin sequera coñeciamos. Esta foi sen dúbida a parte máis enriquecedora desta loita que aínda non damos por rematada: estes meses de activismo construíron vínculos entre persoas non só de Cabana de Bergantiños, Coristanco e Carballo, senón tamén de Vimianzo, Zas, Ponteceso, Santa Comba, Laxe, Compostela, Lugo, A Coruña, Ourense…, ata abranguer pouco a pouco o conxunto da Galiza e ir ampliando o radio de colaboración dentro de España en lugares como Tapia de Casariego (Asturias), Laciana (León), Madrid, Cataluña, Murcia ou Cuenca.

Esta aventura levounos ata lugares tan inesperados como Grecia, Romanía, Arxentina, México, Canadá… Así, esperamos ir sumando un tras outro, estes procesos de solidariedade entre veciños, ata conseguir a oposición total á minaría que emprega o cianuro. 

Non queremos arsénico nin cianuro na ría de Corme e Laxe, despois dun ano contraminados co «infórmate» e «móvete», nin aquí nin en ningures!

other languages »