Contramínate preséntase como Asociación Ambiental con Tesouro de Corcoesto

contraminate Porcontraminate

Contramínate preséntase como Asociación Ambiental con Tesouro de Corcoesto

TESOURO EN LAXE 023

Con motivo da presentación este venres da Asociación Ambiental Contramínate ante os veciños de Laxe, organizamos en colaboración co Concello a proxección do documental Tesouro de Corcoesto, da directora Cora Peña.

Ao evento, que foi no Salón de Actos do Concello, acudiron veciños e turistas interesados tanto por coñecer a nova Asociación como pola temática do documental. Ó seu inicio e como presentación leuse un manifesto para dar a coñecer ós presentes de maneira máis sinxela as bases desta nova Asociación laxense. Logo disto proxectouse o documental seguido dun coloquio onde a directora relatou como foi a elaboración deste traballo e a súa importancia como medio de información sobre a problemática da megaminería a ceo aberto.TESOURO EN LAXE 044 Tamén queremos lembrarvos que no mes de Agosto se proxectará o documental en Corcoesto e de novo en Laxe para todos aqueles que non poideron velo nesta ocasión. Informarémosvos no seu momento destes eventos. E por último, damos as gracias a Cora Peña e a tódalas persoas que asistiron a este evento.

MANIFESTO DA ASOCIACIÓN AMBIENTAL CONTRAMINATE

A Asociación Ambiental Contraminate recén creada pretende dar continuidade ó traballo realizado pola veciñanza preocupada por un proxecto de megaminería a ceo aberto que no seu día puxo en perigo a saúde medioambiental da nosa comarca.

A Asociación ten como principal obxectivo a protección e recuperación do Medio Ambiente, sendo o concello de Laxe  a nosa principal área de actuación. Tamén queremos fomentar o respecto, coidado e conservación da nosa contorna sendo un punto de encontro para o fomento da investigación e o debate, o intercambio de coñecementos, a formación de equipos de traballo e o desenvolvemento de iniciativas conxuntas. Tentamos ser un intermediario entre diferentes sectores da sociedade (político, económico e social) que fomente a información, a educación, o diálogo e a concertación con actitudes e actividades que persigan acadar modelos de convivencia e de desenvolvemento sostible á hora de actuar ante os problemas ambientais.

A Asociación non é máis que unha vía de expresión e definición específica que facilitará a comunicación da veciñanza coas institucións para dar solución aos problemas. Queremos defender o noso espazo vital e estar ante calquera nova situación que se presente como  colectivo de persoas sensibilizadas polos problemas relacionados coa natureza.

Infórmate, móvete, Contramínate comigo!

Sobre el autor

contraminate

contraminate administrator

Asociación Ambiental de Laxe, (A Coruña) - Galiza (España)

Deja un comentario

other languages »